A convocatoria de Residencias Paraíso 2018 abre os brazos para darvos a benvida.
Poder presentar por segundo ano consecutivo a convocatoria de Residencias Paraíso é un triunfo de todas para todas. É un triunfo porque insiste na importancia de alimentar o enorme potencial das artes vivas en Galicia dando soporte ás artistas con recursos destinados directamente ao campo da experimentación, da investigación, do pensamento, da creación en maiúsculas, do corpo. Un programa coma este segue sendo necesario no noso territorio. Merecémolo. Brindamos con vós porque un proxecto que existe grazas a todas e cada unha das persoas que lle damos vida.
O programa piloto do ano pasado debuxou moitos dos sendeiros a seguir e deu as pistas por onde continuar neste 2018. A ilusión de acompañar a un grupo de artistas residentes e de poder estar ao carón de tantos proxectos marabillosos foi a maior das recompensas para nós. Moito aprendimos desa primeira experiencia coloreada de entusiasmo, cariño, moito traballo e dalgunha que outra novatada! e moito agardamos seguir aprendendo neste ano.
Do mesmo xeito que en 2017 esta nova convocatoria ofrece unha serie de residencias artísticas para desenvolver proxectos de investigación ou creación en distintas cidades galegas. Ademáis dos espazos colaboradores do ano anterior (Teatro Rosalía de Castro, Pazo da Cultura de Narón, Auditorio Municipal de Ourense, Fundación Luis Seoane, Pazo da Cultura de Carballo e Vello Cárcere de Lugo) celebramos a incorporación do Teatro Colón, a Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta e a Sala X na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Os novos cómplices fan ascender o número total de espazos a nove e amplían, en termos de tipo de espazo, as posibles tipoloxías dos proxectos en residencia.
Paraíso 2018 abre convocatoria para acoller ata oito proxectos en residencia, cunha dotación de 18.000 euros en total, nos diferentes espazos colaboradores entre mediados de marzo e finais de novembro de 2018. O prazo de envío da información necesaria para participar nesta edición pechará o día 12 de febreiro e está aberta a artistas do territorio galego e do panorama nacional.
Compre sinalar o compromiso e diálogo co director da Axencia Galega das Industrias Culturais con este programa e a aposta da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra como coprodutores desta nova edición das Residencias Paraíso. Sen esquecernos do esforzo de todos e cada un dos espazos colaboradores e de toda a comunidade artística, sen os cales non tería sentido un programa como este.
Coa mellor das vontades encaramos esta nova edición. Residencias Paraíso agarda por vós.