Convocatoria aberta ata o 15 de marzo
Por quinto ano consecutivo abrimos unha nova convocatoria anual de Residencias Paraíso, o programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM, como entidade independente adicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, e o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións co-produtoras do programa, Concello de Santiago, Concello da Coruña, Concello de Lugo, Concello de Ferrol, Vicereitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura.
Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, significa atender e respectar o espazo e o tempo adicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros culturais a espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico o a creación coreográfica, ata residencias de carácter técnico.
Este exercicio de diálogo entre todas as partes, impulsores, co-produtores e espazos cómplices, é o que dota dunha identidade tan singular a este proxecto. Esta suma de forzas é capaz de construír esta nova edición do programa para acoller ata 8 proxectos en residencia cun importe total de 20.000 €.