Residencias Paraíso celebra o seu cuarto ano de vida como programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes vivas contemporáneas en Galicia. Un programa que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros de arte a facultades ou espazos non convencionais. Este exercicio de diálogo entre todas as partes –impulsores, coprodutores e espazos cómplices– é o que dota dunha identidade tan singular a este proxecto.
Un proxecto nacido no corazón de Colectivo RPM e que día tras día é un pouco máis de todas. Unha suma de forzas que fai posible que na súa cuarta edición Residencias Paraíso abra a convocatoria para acoller ata 7 proxectos en residencia cun importe total de 15.000 euros.
A convocatoria está aberta ata o luns 8 de marzo para artistas de todo o panorama nacional.