estracto do blogue UN PAIS EN LATA, Fran P. Lourenzo.
http://unpaisenlata.wordpress.com/2014/07/07/a-implosion-do-17-de-maio-filgueira-valverde-o-escuro-mediador/
(…Hai tantas sombras na traxectoria pública de Filgueira que este Día das Letras Galegas podería converterse, ogallá, nun trasunto daquel programa de Telecinco, Hormigas Blancas, dedicado a exhumar a hemeroteca dos famosos. En 1935, ano no que Castelao e Bóveda regresan dos seus desterros, Filgueira Valverde comandou unha escisión do Partido Galeguista, a chamada Dereita Galeguista. De tal xeito que O Escuro Mediador foi quen de seguir sendo galeguista e republicano, pero xa cun peíño no de despois. A súa entrega sen moitas reservas á sublevación militar do 36 non se compara nin de lonxe coas veleidades de Torrente ou de Cunqueiro co lado escuro. Coñezo os problemas, dúbidas e atrancos que estes dous escritores tiveron coa oficialidade da ditadura. O propio Vicente Risco afastouse da vida, recluíuse no seu medo. Non sei, porén, que Filgueira tivese nunca ningún problema en ostentar cargos do Réxime -foi alcalde de Pontevedra e propiciou o estrago de ENCE na ría, procurador en Cortes, presidente de tribunais provinciais-, nin en participar en actos de propaganda e emisións radiais dos sublevados, nin se debeu importar demasiado coa consideración de intelectual útil e afecto que se lle outorgou decote, porque estar estivo en todos os allos…)